Acerca de

A miña foto
etikas@etikas.org, 670 90 17 21
Étikas é un proxecto inspirado polo bo facer, pola ilusión e tesón de todas esas organizacións e persoas que traballan para mellorar o seu entorno, a súa sociedade e as súas vidas dende os frontes da ecoloxía, medio ambiente, feminismo, igualdade, cultura, dereitos, inserción, integración, economía, educación, transformación social, sostibilidade, construcción, consumo, sanidade, laboral, xustiza, tecnoloxía, ... En Étikas queremos, dende o eido económico e organizativo, aportar os coñecementos e a experiencia en materia fiscal, mercantil, laboral e da xestión para axudar a todos esas persoas e profesionais, organizacións e empresas a percorrer o seu camiño impartindo Formación, tanto grupal como individual personalizada, en materia fiscal, económica e xestión empresarial e burocrática. Con este blogue, pretendemos mastigar e simplificar a información económica que en moitas ocasións tan complicada resulta de comprender.

10.11.14

Un tratado depredador


  En Bruxelas negóciase un Tratado de Libre Comercio e Investimento (TTIP “Transatlantic Trade and Investment Partnership”) entre os Estados Unidos e a Unión Europea, por suposto co “asesoramento” dos lobbys. Ate hai pouco, en segredo e ás costas dos cidadáns.
Coa escusa de estimular a economía e crear emprego para combater a tan manida crise, en realidade é unha patente de corso para grandes empresas e corporacións, grande banca e fondos de inversión para obter beneficios sen norma, regra nin control. Son moitos os danos e males que sufriría a cidadanía con ese Tratado:
-restrición da nosa capacidade de decisión, dos cidadáns e dos gobernos
-atentado descarado contra a democracia
-a lexislación do país pasa a un segundo plano, porque se creará un sistema de arbitraxe privada internacional para resolver conflitos entre inversores e estados. Poderiamos vernos na absurda situación de que unha empresa privada demandara ao noso estado simplemente por modificar lei fiscal se esta modificación supón un prexuízo económico para esa empresa. E, claro, a multa costeámola cos nosos impostos.
-restricións dos dereitos dos traballadores en materia de salarios, despidos, representación sindical, dereito á folga
-restricións nos dereitos dos consumidores, permitindo a entrada libre de alimentos xenéticamente modificados, hiperhormonados e clorados
-extensión do fracking, coa masiva contaminación e destrución medio ambiental que iso supón ao inxectar auga a presión, misturada con produtos químicos, para fracturar as rocas subterráneas que conteñen gas ou petróleo e favorecer a súa saída ao exterior. Estes produtos usados son tóxicos e canceríxenos, ademais de deixar o subsolo en condicións irrecuperables e contaminar as augas subterráneas.
-relaxación na regulación do negocio bancario

Todo isto non son especulacións. Xa temos a experiencia do tratado asinado por EEUU, México y Canadá (NAFTA, en inglés) e os seus 20 anos de devastadoras consecuencias para a cidadanía.

Mais constitúese en Europa unha resposta: o Mandato de Comercio Alternativo, unha alianza de máis de cincuenta organizacións de consumidores, defensores de dereitos humanos, do medio ambiente, de comercio xusto, labregos, sindicatos e axencias de desenvolvemento. Unha alternativa ao Tratado onde as persoas e o medio ambiente estean sempre por riba dos beneficios e intereses das grandes corporacións.

Fontes: ATTAC. Centro de Colaboraciones Solidarias (CCS). NOalTTIP