Acerca de

A miña foto
etikas@etikas.org, 670 90 17 21
Étikas é un proxecto inspirado polo bo facer, pola ilusión e tesón de todas esas organizacións e persoas que traballan para mellorar o seu entorno, a súa sociedade e as súas vidas dende os frontes da ecoloxía, medio ambiente, feminismo, igualdade, cultura, dereitos, inserción, integración, economía, educación, transformación social, sostibilidade, construcción, consumo, sanidade, laboral, xustiza, tecnoloxía, ... En Étikas queremos, dende o eido económico e organizativo, aportar os coñecementos e a experiencia en materia fiscal, mercantil, laboral e da xestión para axudar a todos esas persoas e profesionais, organizacións e empresas a percorrer o seu camiño impartindo Formación, tanto grupal como individual personalizada, en materia fiscal, económica e xestión empresarial e burocrática. Con este blogue, pretendemos mastigar e simplificar a información económica que en moitas ocasións tan complicada resulta de comprender.

13.5.19

A insoportable burocracia de ser “Autónoma” - Capítulo III


Para Facenda as “autónomas” son dividas en dous grandes grupos: Empresarias e Profesionais. Esta distinción implica diferencias nas obrigas fiscais a efectos do IRPF (Imposto da Renda das Persoas Físicas). No grupo das Profesionais imos englobar tamén ás Artistas.
Comecemos polas Profesionais, que poden ser actividades tales como: enxeñería, medicina, comercial, artística, ... Cando as Profesionais emiten unha factura a outra profesional ou empresa, deberá levar retención. Así se tiñamos previsto percibir, por exemplo, uns honorarios de 100€ ao restar a retención do 15% (15€) queda que levamos ao peto 85€! ¿Entón que acontece cos meus 100 euros? ¿Onde van os 15€ que me restan por cobrar? A resposta está en Facenda, que é a que os cobra por nós. Facenda é o órgano encargado de cobrar os impostos e outros tributos para financiar os gastos do Estado. Un deses impostos é o IRPF, do que se fai a declaración da Renda 1 vez ao ano. Pero o Estado non pode esperar un ano a cobrar para ir pagando todos os desembolsos que se lle presentan, así que nos vai cobrando aos poucos en forma de retencións, entre outras cousas. O que estamos a facer, con esa retención da nosa factura, é anticiparlle impostos ao Estado ao longo de todo ano; factura a factura. E cando chegue a época de facer a declaración da Renda, é cando facemos contas con Facenda e vemos se adiantamos de máis (co cal sáenos a declaración a devolver) ou se nos quedamos escasas (co cal teremos que pagar).
Dende o meu punto de vista, o sistema é totalmente inxusto, posto que somete a unha presión fiscal desmesurada ás Profesionais. Ademais, marcando unha porcentaxe fixa de retención, incúmprese cos principios da Lei Xeral Tributaria de “xustiza, xeneralidade, igualdade, progresividade, equitativa distribución da carga tributaria”.
[Continuará]

Artigo publicado en “Revirada revista feminista” http://reviradafeminista.com/