Acerca de

A miña foto
etikas@etikas.org, 670 90 17 21
Étikas é un proxecto inspirado polo bo facer, pola ilusión e tesón de todas esas organizacións e persoas que traballan para mellorar o seu entorno, a súa sociedade e as súas vidas dende os frontes da ecoloxía, medio ambiente, feminismo, igualdade, cultura, dereitos, inserción, integración, economía, educación, transformación social, sostibilidade, construcción, consumo, sanidade, laboral, xustiza, tecnoloxía, ... En Étikas queremos, dende o eido económico e organizativo, aportar os coñecementos e a experiencia en materia fiscal, mercantil, laboral e da xestión para axudar a todos esas persoas e profesionais, organizacións e empresas a percorrer o seu camiño impartindo Formación, tanto grupal como individual personalizada, en materia fiscal, económica e xestión empresarial e burocrática. Con este blogue, pretendemos mastigar e simplificar a información económica que en moitas ocasións tan complicada resulta de comprender.

31.3.15

Alternativa ao TTIP


Como alternativa ao Tratado (TTIP) que a Unión Europea e Estados Unidos xunto coas grandes transnacionais están a negociar, a sociedade civil europea propón o Mandato de Comercio Alternativo.
A Alianza do Mandato de Comercio Alternativo está formada por grupos de campesiñas e campesiños, grupos que traballan en materia de desenvolvemento, activistas do comercio xusto, sindicalistas, traballadoras e traballadores migrantes, ambientalistas, grupos de mulleres, dereitos humanos, consumo y de base confesional de toda Europa que buscan desenvolver unha perspectiva alternativa da política comercial europea: unha visión que sitúe ás persoas e ao planeta por diante das grandes empresas.
Os principios deste Mandato son:
*Que os dereitos humanos, os dereitos das mulleres, os dereitos indíxenas, os dereitos laborais e a protección do medio ambiente primen por riba dos intereses empresariais e privados.
*A transformación estrutural, o acceso universal a servizos públicos de calidade, a protección social, normas laborais e ambientais máis estritas, a democracia e a transparencia.
*Que os Gobernos regulen as importacións, exportacións e inversións de forma que estas sirvan ás súas propias estratexias de desenvolvemento sostible.
*Que os países, as rexións e as comunidades podan controlar a produción, a distribución e o consumo dos seus propios bens e servizos.
*Que a política comercial europea respecte o dereito dos países e as rexións a desenvolver o comercio local e rexional -e a darlle prioridade- por riba do global, por exemplo, no sector da alimentación.
*Que os Gobernos e os parlamentos europeos podan esixir ás súas corporacións que rendan contas polas consecuencias sociais e ambientais das dúas operacións en Europa e o resto do mundo.
*Que se respecte a soberanía alimentar, e se permita que países e comunidades den prioridade aos sistemas alimentarios locais e rexionais.
*Que se fomente unha política industrial que favoreza unha transición xusta cara outro modelo de desenvolvemento, que ser fortalezan as regulacións sociais e ambientais, e se garanta a total transparencia das cadeas de valor mundiais.
*Que se asegure unha distribución xusta da renda nas cadeas de valor mundiais, garantindo uns ingresos estables e dignos aos produtores e traballadores, e prezos accesibles aos consumidores, especialmente no tocante a necesidades como alimentos e medicamentos.
*Que os Gobernos, os parlamentos e as autoridades públicas teñan plenos dereitos para regular os mercados financeiros e o sector dos servizos financeiros coa fin de protexer os dereitos sociais e de benestar, asegurar a sostibilidade, salvagardar o control democrático e garantir a estabilidade financeira (entre outras medidas, limitando os movementos de capital).
*O troco de coñecementos e o libre acceso a eles, por exemplo, a través de sistemas de código aberto, iniciativas de troco de sementes ou patentes mancomunadas, e sistemas de licenzas abertas para promover a innovación e o acceso a medicamentos.
*Que certos sectores, entre os que estarían bens públicos como a auga, a saúde e a educación ou os servizos financeiros, queden excluídos das negociacións da UE en materia de comercio e investimentos.
*Que se recoñezan responsabilidades comúns pero diferenciadas para os países en desenvolvemento e se garanta un trato especial e diferenciado para os máis pobres.
*Que se aplique o principio de precaución (polo que se asume a responsabilidade de protexer ao público de danos potenciais, aínda que non estean demostrados) en todas as regulacións e normas de comercio e inversións.

Fontes: noalTTIP (podes ver o documento completo en https://drive.google.com/file/d/0B_mUdIZ6Oe5YVWk2RTVsUlR6LWc/edit?pli=1)

28.2.15

As clases medias pagarán as rebaixas de impostos das clases altas


Técnicos do Ministerio de Facenda consideran que a reforma fiscal do Goberno é regresiva, xa que serán as clases medias quen unha vez máis asuman a rebaixa fiscal aplicada ás grandes fortunas.
Aseguran que se perde aínda máis a progresividade do imposto da renda ao reducir os tramos do IRPF de sete a cinco.
A Constitución española postula a distribución equitativa da riqueza. E a Lei Xeral Tributaria di que o sistema tributario basearase na capacidade económica das persoas e nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade, progresividade e equitativa distribución da carga tributaria.
Dentro deste marco legal, o Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) ten varios tramos de tributación. É dicir que non hai unha porcentaxe fixa para todas, senón que esa porcentaxe vaise incrementando a medida que os ingresos da persoa tamén aumentan. Este incremento faise por tramos nos que se marca un mínimo e un máximo a eses ingresos e a porcentaxe correspondente.
Poñamos un exemplo imaxinario para velo máis gráficamente:
Táboa PROGRESIVA
mínimo
máximo
% a pagar
0,00€
800,00
0%
801,00€
1.500,00€
5%
1.501,00€
2.500,00€
10%
2.501,00€
5.000,00€
15%
5.001,00€
10.000,00€
20%
10.001,00€
50.000,00€
30%
50.001,00€
100.000,00€
40%
100.001,00€
en adiante
50%

Táboa NON PROGRESIVA
mínimo
máximo
% a pagar
0,00€
1.000,00
0%
1.001,00€
100.000,00€
20%
100.001,00€
en adiante
50%

Na primeira táboa, a máis progresiva, vemos que os salarios ate 800 € pagan cero impostos. É o que chamamos mínimo exento. A partires de aí vaise incrementando, con porcentaxes máis baixas nos segmentos de salario máis baixos.
Na segunda táboa, vemos que o mínimo exento chega ate 1.000€ de salario. Poderiamos estar moi contentas con isto, mais imaxinemos unha contribuínte cun salario de 1.050€. Na segunda táboa, a menos progresiva, tería un tipo impositivo do 20%; mentres que na primeira sería do 5%.
Por outra banda, coa segunda táboa unha persoa cun salario de 50.000€ tería o mesmo tipo do 20% que a que gañase 1.050€. Mentres que na primeira táboa si que percibiriamos grandes diferencias.
No noso exemplo a táboa progresiva non o é tanto porque tan só ten 7 tramos, algo totalmente insuficiente para cumprir cos principios das nosas leis de equidade e progresividade. Na primeira lei da renda promulgada na democracia no ano 1978 establecíanse nada menos que 28 tramos e a % máxima para rendas moi moi altas era de 65,51%. Con sucesivas reformas fiscais foron diminuíndo o número de tramos, rebaixando a % máxima e aumentando a % mínima, de xeito que os que máis teñen pagan cada vez menos e os que menos gañan pagan cada vez máis, sendo estes últimos, en particular os salarios medios, os que soportan realmente o peso de soster os ingresos do Estado vía impostos.
En reformas anteriores tamén se estableceron unhas % diferentes (tipos de tributación) para as chamadas “rendas do aforro”, que son, entre outras, os intereses cobrados do banco por depositar alí os nosos cartos. Estas % ou tipos de tributación redúcense a 3 tramos; entre o mínimo e o máximo tan só hai 4 puntos de diferencia e o máximo é moito menor que a porcentaxe xeral de tributación. Co cal, un rentista que percibe miles de euros de intereses ao ano, terá case a mesma carga fiscal que un pequeno aforrador. É evidente que é unha medida en absoluto progresiva e que favorece aos grandes patrimonios.

En opinión dos técnicos de Facenda, os principais beneficiarios da reforma de 2015 non sumarán máis de 73.000 contribuintes -os que ingresan máis de 150.000€ anuais- que supoñen arredor do 0,3% do total de declarantes.
Sen embargo, descata que os 11,5 millóns de traballadores e pensionistas que gañan menos 11.200€ anuais non se verán afectados pola rebaixa fiscal.
Inciden en que o Goberno non precisa con claridade como vai financiar a caida de ingresos pola rebaixa do IRPF e apunta que podería ser a base de privatizacións ou fórmulas de copago de servizos públicos.
Ademais, consideran que a baixada da tributación de rendas do capital beneficia ás maiores fortunas e afecta negativamente á progresividade “porque quen obteña máis de 1.000.000€ de dividendos pagará proporcionalmente igual que un traballador ou autónomo que gañe 50.000€”.


Fontes: Constitución española. Lei Xeral Tributaria. Lei IRPF. BOE. GETSHA (Sindicato de Técnicos del Ministerio de Hacienda).